1 (Colección GAL) OS BÓLIDOS DO ESQUECEMENTO Julio Fernández Primeiro título da colección GAL adicada ao teatro contemporáneo en galego. PVP 10 euros ISBN 978-84-16993-38-3 Os bólidos do esquecemento, sátira dunha sociedade que sen pudor camiña cara á erosión de todos os dereitos fundamentais e na que os valores éticos e morais quedaron sepultos baixo o trollo do fulgurante esquecemento. Un rei, unha raíña, un príncipe, un garda, un can e un manifestante son os personaxes desta peza testudamente dialogal. «Unha praza pública é o escenario que nos propón Julio Fernández Peláez. Un espazo aberto, de difícil xestión. Tamén espazo de longa tradición, cargado de simbolismo. Na praza congrégase o pobo para as celebracións colectivas e para reclamar os dereitos roubados. Na praza goza, loita, vive e morre a sociedade activa. […] Salvando a distancia duns cen anos, esta obra incardínase perfectamente naquela idea que promovía Antón Villar Ponte dun teatro espertador de conciencias e creador de civilidade.» Do limiar de Xesús Carballo Soliño. «En Os bólidos do esquecemento, o riso e o humor son cousas tremendamente serias. O autor sabe sacar todo o rendemento lingüístico, teatral e filosófico de procedementos como a parodia, a sátira, a ironía, recursos que constitúen contundentes respostas ás verdades absolutas para erixirse en sinais de identidade dunha sociedade relativizadora e felizmente transgresora.» Francisco Gutiérrez Carbajo